Sí amigos, ésta é a nova aventura na que se embarca o San Xerome: “IntegrAcción 2006” [MÚSICA E SOLIDARIDADE]. Novamente apostamos pola mistura de música, convivencia, tolerancia e, ... ¡festa rachada! Ou acaso non son compatibeis? O día 19 de agosto queremos construir no Antigo Estadio do Tecla de A Guarda un espazo escacha-utopías. Tres son os pilares deste Festival: a integración, a solidaridade, e como telón de fondo, os nosos 25 anos de historia nesta vila en prol dos dereitos de todos. A entrada ó recinto será gratuita, e dentro poderanse atopar mercadiños solidarios, postos de artesanía, productos de comercio xusto e unha barra con prezos populares. Todo isto acompasado ó son da música dos máis de dez grupos que actuarán no evento, entre eles a banda da integrAcción: “XEROCK”. Non sabemos se continuará esta travesía ano tras ano, mais sexa como sexa, a maquinaria xa está en marcha, as engranaxes engrasadas, zarpamos sen rumbo e convidámosvos a todos a navegar connosco.

23.8.06

FOTOGRAFÍAS DO integrAcción 2006

Xa tedes dispoñible o álbum de fotos do festival (á dereita na pantalla; seguide o dedo, jeje), no cal podedes votar e comentar as vosas fotografías preferidas.

Pouco a pouco iremos engadindo máis fotografías, e axiña tambén teredes a posibilidade de ver vídeos das actuacións de todos os grupos que participaron no integrAcción 2006, para que todos os que asistístedes lembredes o ben que o pasamos, e os que non estiveron tambén poidan disfrutar do seu magnífico traballo.

Tambén podedes acceder dende aquí ó Álbum de fotografías de InfoRosal.com, e ó Álbum de fotografías de LosAbrasivos.com, ó Álbum de fotografías de PrimerGradoWeb.tk, e ó Fotoblog de EnVigoYEnDirekto.

21.8.06

GRAZAS!!!

Dende a organización queremos agradecervos a todos e todas pola vosa participación.

Próximamente teredes aquí disponible o álbum de fotos do integrAcción 2006.

Saúdos e ata a próxima.

18.8.06

HORARIO DE ACTUACIÓNS

17:50 h area
18:40 h The Telephones
19:30 h Primer Grado
20:20 h Los Abrasivos
21:10 h Creole Kings
22:00 h Skarnio
23:00 h Samesugas
00:00 h Los High Sierras
01:30 h Sex Museum
03:10 h Fungo

17.8.06

CREOLE KINGS, SUSTITÚE A KOGITO NO "integrAcción 2006"

Debido a baixa por enfermidade de dous membros do grupo (baixo e batería), KOGITO non poderán participar na edición deste ano do Festival "IntegrAcción 2006".
No seu lugar estará o grupo CREOLE KINGS.

CREOLE KINGS

Nos tempos que corren resulta gratificante atopar formacións musicais como as de antes, sen reviravoltas, directas ó gran. Isto é exactamente o que nos propoñen CREOLE KINGS, trío acústico formado en VIGO a principios de 2005 e integrado por Alberto Cunha (Voz Solista), Andrés Cunha (Guitarra e Voz) e Jacobo Jiménez (Guitarra e Voz). Maila a súa aínda curta existencia, os "Reis do Criollo" posúen unha bagaxe artística difícil de atopar: Alberto Cunha cóntase entre os "Showmans" máis reputados do momento, á vez coa súa carreira como "Crooner" de éxito, avalada por numerosas aparicións en TV e outros medios, así como innumerabeis actuacións en directo. Na actualidade, Jacobo e Andrés forman a poderosa sección rítmica dos HIGH SIERRAS, unha das bandas de Rock das que máis se fala últimamente.

Cómo definir o son desta banda sen incurrir en tópicos inúteis?
Sinxelo: dobre xogo de guitarras adornado cun exquisito trío vocal dos que xa escasean. Eles defínense como THREE STAR ACOUSTIC TRIO!!!

E qué fan?
Unha sabia mestura de Country, Blues e Pop da década dourada (Elvis, Beatles, Creedence, Bravos, etc.) con mención especial para as baladas, o seu verdadeiro forte.

16.8.06

TODO DISPOSTO PARA A GRAN FESTA DA MÚSICA E A SOLIDARIEDADE

O próximo sábado 19 de agosto, a partir das 6 da tarde, voltarán a unirse unha vez máis a música e a solidariedade. Celebramos os 25 anos do San Xerome, e nestes 25 intensos anos a música axudounos a superar máis dunha crise. Porque a música está permanentemente connosco: nas celebracións, como terapia, ocio e diversión, unindo culturas diferentes cos nosos colegas portugueses, como método integrador coa xuventude (Xerock) ... e tamén nas dificultades, onde xurde con forza a faceta solidaria dos nosos amigos os músicos.

O noso aniversario queremos tamén unilo para sempre coa música, co rock intenso, comprometido, enérxico e sen complexos. Precisamos ese contaxio!

Todo está disposto para a gran festa, e queremos agradecer dende aquí a todos aqueles que, independentemente dos resultados finais do concerto, apostaron por nos: as diferentes administracións, as ONGs, os medios de comunicación locais, empresas e casas comerciais, os voluntarios/as e os artesáns. Graciñas!





Queremos informar tamén de xeito resumido dalgúns aspectos técnicos do Festival:

• A entrada será gratuita.
• Os prezos das barras serán os máis baixos de tódolos festivais galegos.
• Participarán máis de 70 músicos dos diferentes grupos.
• Máis de 50 voluntarios se encargarán do desenrolo do Festival (limpeza, orde, barra, catering ...). Neste grupo de voluntarios/as, hai unha importante representación de irmáns de usuarios do Centro, cos que pretendemos crear un grupo estable de traballo.
• ANPA e Xunta Directiva estan a ter tamen un papel determinante.
• Os integrantes do Campo de traballo Santa Tegra, colaborarán en diferentes aspectos do Festival.
• No Festival 4 grupos faran a presentación do seu recentísimo último disco:
 Sex Museum: “United”
 Samesugas: “Alá vai!”
 Los High Sierras: “Fortune & Venture”
 The Telephones: “Inside/Outside”
• Na zona solidaria estarán presentes as Asociacións: Avelaiña, Vontade, San Xerome, Alento, Comercio Xusto Atalaia, Solidariedade Internacional, Anabam, Implicadas no desenvolvemento, Erguete e a campaña do Centro de asesoramento afectivo – sexual para a mocidade “Querote”, da Vicepresidencia da Igualdade.
• Na zona comercial haberá presencia de artesáns, ademáis da venda do “merchandising” dos grupos participantes.
• Os concertos iniciaranse as 6 da tarde, co grupo local area, e a continuación The Telephones, Primer Grado, Los Abrasivos, Kogito, Skarnio, Samesugas, Los High Sierras e está previsto que os míticos “Sex Museum” actuen a 1 da madrugada, e para rematar, actuarán Fungo aproximadamente ás 3 da mañán.





Máis información:
676 966 222 (Carlos González)
659 347 525 (Víctor Fuggetto)
687 732 651 (Faber Produccións)

14.8.06

THE TELEPHONES

Formados en 1998 en Candeán, Vigo, The Telephones é unha formación de cinco membros que practican un estilo próximo ó power-pop ou ó punk-pop na súa vertente máis clásica. Tódalas súas letras están en inglés e a temática repasa os temas máis clásicos da sociedade contemporánea; a vida moderna, a cidade, as relacións entre as persoas, o paso do tempo o desexo de vivir unha existencia pletórica.

Procedentes doutros grupos e presentes en proxectos paralelos, The Telephones distínguense polo seu sonido potente pero melódico, onde os estribillos teñen gran importancia á hora de transmitir tanto a mensaxe coma a sensación de identificación co estilo.

Sen perder de vista o tempo no que viven, The Telephones teñen unhas claras raíces no beat británico e o rythm and blues americano dos 60 via The Kinks, Hollies ou The Kingsmen e compañía. Sen embargo as súas raíces máis claras danse na revolución punk e a new wave de finais dos 70.
Os seus gustos abarcan desde The Nerves-Paul Collins, Nick Lowe, Costello, The Romantics, Sex Pistols,The Ramones e os clásicos dos 50 Bo Diddely e Chuck Berry.

Discografía seleccionada
Ó longo deste periodo de tempo The Telephones gravaron y auto-editaron as súas composicións en distintos CDs e agora en 2006 están a punto de publicar un novo producto que os radiografía no seu estado actual.

MINI CD- SAY WHAT YOU WANT 1998
CD- FADED PHOTO SNAPS 1999
MINI CD- TIME TUNNEL 2000
CD- ROLLERCOASTER 2002
CD- INSIDE/OUTSIDE 2006 (a punto de saír)


COMPOÑENTES
GUITARRA: MANUEL MARTÍN
BATERÍA: SANTI SILVA
BAIXO: MANO
GUITARRA: LUIGI BOUZA
VOZ: JUAN VÁZQUEZ


Contacto: 679 130 912 / 692 605 573

10.8.06

SAMESUGAS - Alá Vai!


Samesugas é umha banda de rock&roll formada em Santiago de Compostela a finais do 99. Ao mes de nascer apressuram-se a gravar e editar um miniCD titulado “Pocket Monsters”,actualmente agotado, e arrancam o seu historial de concertos por toda a geografia galega.
Despois dum cámbio de baterista volvem gravar em diferentes estudos e vem editadas as suas músicas em discos compilatórios de diferentes lugares do mundo (Suecia, Alemania, Japom, Espanha,…), entre os que destaca o tributo aos noruegueses Turbonegro "Alpha Motherfuckers” junto a bandas do calibre de Supersuckers, Nashville Pussy, Dwarves, Zeke ou Ratos de Porao.
Durante este tempo nom param de tocar ao vivo intercalando peças próprias com variadas verssons que escolhem de entre das suas bandas favoritas de todos os tempos (Dead Boys, Easybeats, Reverend Horton Heat, Hanson Brothers, Union Carbide Productions, Wipers,…). Recorrem grande parte da geografia ibérica e no ano 2003 fam umha escapada a Finlandia para presentar um EP 7’’ compartido cos finlandeses Garage 13. Esse mesmo ano a editora catalana H-Records edita o 10’’ Machine in your Brain que inclue 7 composiçons próprias e duas verssons (Motörhead e Gene Vincent), e que posteriormente será reeditado em CD com dous cortes extra.
Os concertos seguem acumulando-se na agenda do grupo, visitando Catalunha, Valencia, Euskadi, Madrid, Asturias, León, … e entrando cada vez máis no circuito português, sobretodo na zona norte, participando em festivais e colaborando com diferentes bandas lusas.
A finais de 2005 fam um pequeno descanso nos concertos para centrar-se na preparaçom dum novo disco e em Fevereiro de 2006 entram nos estudos Bonham da Corunha a gravar um feixe de novas cançóns. 14 peças serám as escolhidas para formar parte do LP/CD “Alá Vai!”, editado por H-Records e que se pode considerar o primeiro “disco grande” da banda compostelana.
Umha vez rematado o trabalho de estudo, os Samesugas nom podem esperar à saida do disco e volvem às estradas a cuspir o seu directo, empezando por Galiza e Portugal para continuar por Madrid e finalmente fazer a pressentaçom oficial em Compostela numha festa 4º aniversário da editora H-Records na que também se presenta o compilatório “Rock’n’Roll se escribe con H”.

Punk, rock’n’roll, garage,… os principios básicos seguem a ser os mesmos, para saber máis escoita “Alá Vai!” ou asiste a algum dos seus sanguinarios concertos.





Discografía:
• CD EP Pocket Monsters (Lixo Urbano, Galiza 2000)
• 7’’ EP compartido con Garage 13 (Bad Attittude, Finlândia, 2003)
• 10’’ Machine in your Brain (H-Records, Catalunya 2003)
• CD Machine in your Brain + Bonus (H-Records,/ Lixo Urbano, 2004)
• LP/CD Alá Vai! (H-Records,2006)

Compilatórios:
• CD Killer Lixo Vol. 2 (Lixo Urbano, Galiza 2001)
• CD / 2LP Alpha Motherfuckers Vol. 1 (Bitzcore, Alemania 2001 /Hopeless,USA 2001,
Silver Rocket/Ascension Records, Australia 2001)
• 7’’ EP Collection of Great Dance Tunes Vol. 2 (HDP Records, Suecia 2002)
• CD Riot on the Rocks Vol. 5 (Safety Pin Records, Espanha 2002)
• CD Rawk’n’roll Revolution (Myrmecoleo Records, Japom 2002)
• CD Rock’n’Roll se escribe con H (H-records, 2006)


Contacto:

H Records:
P.O. Box: 325, 43280 Reus Telf: 977342683
e- mail: hrecords@hrecords.com
www.hrecords.com

Samesugas:
Apdo. 304. 15700 Compostela Telf: 619535692
e-mail: samesugas@gmail.com
www.samesugas.com